Sunday 05 de May de 2024

A Xunta renova o apoio a Culturgal para contribuír á recuperación da súa esencia como feira


— O evento, que terá lugar en Pontevedra do 26 ao 28 de novembro, volve contar coa implicación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade como principal entidade patrocinadora cunha achega económica de 65.000 euros

— O director da Agadic participou na presentación do avance desta nova edición, baixo o lema A cultura que toca, para a que se abre o prazo de presentación de proxectos artísticos e de reserva de stands

Culturgal presentou hoxe un avance das principais liñas arredor das que desenvolverá a súa edición de 2021, que terá lugar do 26 ao 28 de novembro o Pazo da Cultura de Pontevedra e para a que volverá contar co apoio económico da Xunta de Galicia como principal entidade patrocinadora. Despois de conseguir manter a súa celebración en 2020, cun formato adaptado e reducido por mor da pandemia, a organización do evento busca recuperar a súa esencia como feira e como punto de encontro de empresas, público, institucións, artistas e profesionais das industrias culturais e creativas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación, onde fixo referencia ao lema desta edición −A cultura que toca− para se referir á renovación do compromiso do Goberno galego por este evento, a través dunha achega económica de 65.000 euros, que medrará ademais coa incorporación de actividades promovidas directamente pola Consellería de Cultura. Educación e Universidade e o regreso ao recinto feiral co stand institucional.

“Tócanos a todos mirar cara á cultura e apoiala máis ca nunca. E tamén é o momento de propiciar, con total seguridade e as garantías sanitarias, a volta á presencialidade, a cultura física que se pode palpar e gozar en directo”, sinalou.

Novas tendencias nos eventos culturais
Culturgal, que abre hoxe as súas convocatorias para a presentación de propostas artísticas e para a reserva de expositores, terá en conta no deseño da súa nova programación as principais tendencias no relativo á organización de eventos neste 2021 marcado aínda pola evolución da crise sanitaria: a aposta polas propostas híbridas que combinan os formatos dixital e presencial, o coidado do medio ambiente, a elección de escenarios amplos e abertos para garantir a seguridade de público e profesionais, a procura de espazos flexibles e con novos usos, ou os cambios de hábitos no consumo cultural, entre outras. Volverase contar, así mesmo, cunha canle para a transmisión en directo dunha selección do seu programa.
Culturgal está promovida pola asociación homónima, que engloba á súa vez as asociacións profesionais máis representativas do sector en Galicia, dándolle voz a unhas 200 empresas: Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).